Radio Océano: "Un furioso silencio" EP

Radio Océano, a banda de culto (con perdón) que encheu os escenarios de rabia e enerxía a finais dos 80, volve coa mesma potencia musical e as mesmas letras acedas e cheas de ironía.

Sons rebeldes para uns tempos atroces.

Cos mesmos intérpretes/executores orixinais de Como o vento, Narcisismo e Terra Chá (Johnny Rotring, Ross Mero, Pablo Iglesias, Dani Punta), un par de anos de rodaxe despois da saída do seu dobre LP Memorias do óxido (Subterfuge) e meses máis tarde da irrupción da súa versión de Miña Terra galega, os Radio Océano de 2022 presentamos catro novos temas tan contundentes como incisivos, que queremos recoller neste EP "Un furioso silencio".

En Un furioso silencio hai letras de Lois Pereiro, remorsos do Prestige, a queixa de Yeats dos que se ven obrigados a participar en guerras alleas ou a imposibilidade de zafar hoxe de quen fomos onte. Para botar ese barco precisamos dunha chea de homes e mulleres do naval que nos axuden a construílo.