Díaz Castro – Letras Galegas 2014

Reproducimos neste Día das Letras un poema e un texto oral de Novoneyra lido nunha homenaxe que lle dedicou a Asociación de Escritores en Lingua Galega – AELG no ano 1979. Novoneyra, que valoraba intensamente a poesía do autor, acostumaba a dicir poemas de Díaz Castro nos seus recitais dedicados a poesía galega contemporánea, e así o celebrou neste poema, a catro mans -en negriña aparecen os versos do poeta homenaxeado-, e co texto-homenaxe emocionado, lido en presenza do autor, que reproducimos seguindo o orixinal mecanoscrito do Arquivo Novoneyra.

Xa a edade é un vértigo

i o pasado non encorga senón que traga os días com ‘a cova no río

nin toda a Gracia a parará

nin a mesma Poesía

o Amor a Mocedade nin a Infancia gardadas

nin siquer ter levantado ise Monumento á Ausencía

/o neno que parte –Trasparga– a pleno vrao /

diante o que eu vín chorar como sempre choraron ás mulleres

a moza emigrante que se fora de nena tamén

se fora

Lus,

Ceio rachado, lus!

Inda vexo a lus.

E despoilos galos,

e despoilos homes,

e despois todo val, cáliz fervendo!

………….

Qué quente é agora o seo desta noite

chagado pola lus daquel mencer

que pra sempre se foi e non se vai!

………….

A ausencia i a volta co mesmo corazón

(Ouh Terra Verde e Mar de Orvallo)

….

Anque caia o Monumento á Ausencia

tí quedarás como todos quedaremos pois xa estamos na Lingua

con tódolos rostros do noso pobo cada un co seu xeito

que se animan e volven cando falamos

como agora

Compostela

21 / santos/ 87

NA HOMENAXE A DÍAZ CASTRO

Lin a diaz castro no courel que é un bon sitio pra ler a calquer poeta pra cuantia mais a el ( a tí) a súa poesia de tempo longo depositado, apousado e que logo, ó vir de novo no poema , trai consigo o tempo inda máis longo da lingua que non é senón tempo de tódolos tempos de tódolos que a falaron i a fixeron , e deixaron enteiros algún dos seus xestos ; dos seus xestos, ritmos e sons, que é todo o que deles quedou,todo o que de nós quedará. Hai veces que a lingua se acorda totalmente dos que a falaron.

Hai veces en que ise tempo -de-tempos-muitos que é a lingua, intensifícase ata queimarnos ou ceibar un calambre. Da coincidencia do tempo propio i o tempo histórico nunca suficientemente alongado pra que non queime.

É curioso que un traductor afeito a trasvasar i axustar palabras dunha lingua a outra garde tal grado de dispoñibilidade,de pureza e inocencia pra que a palabra–vida-da súa- infancia non perdera o xeito nin o aroma orixinario sin ser verba arqueoloxizada , nin palabra lida, palabra de outras palabras despois de pasar por toda a depuración e incidencia intelectual que lle supomos en diaz castro. Veño a decir , que en moitos e nos mellores casos , non é unha poesia de traductor nin de profesor , é que inda está moi enteiro ó fondo , o neno labrego “ coas espigas porriba da cabeza”. Que conservara ilesa de literatura e pedagoxia exterior a súa infancia nesta terra.

Agardamos que diaz castro, xosé maria, nos dé sempre que él o precise dar, máis palabra viva, cargada de pasado propio e pasado remoto, pasado profundo, cargada de galicia e o mesmo tempo palabra nova e culta, pra bén del e noso.

E pra bén noso solo, agardamos tamén outra cousa.

Eu tiña pensado pedirlle a un editor, e non sei , creo que xa llo insinuei, tanto a sotelo blanco como a edicións xerais e tamén a consellería de cultura, que lle encargaran a diaz castro unha serie longa de traducións da poesia europea ó galego, polo menos dos poetas diste século por il máis queridos, creo que llo debemos pedir hoxe entre tódolos que estamos eiquí.

E namais, só recordar aquela noite fai xusto corenta anos que nos conocemos no café varela de madrid e logo saimos falando pola glorieta de santo domingo e pola gran via a medía noite ca inmensa gabardina de gamallo fierros, unha gabardina de cola, barrendo a acera daquil limpo madrid dos anos 50. E foi eilí que xa lle oin falar de iglesia alvariño con fervor.

E namais. Unha pequena disculpa.

Inda que non acostumbro a decir ós poetas mentras eles se podan decir, dendes de fai moitos anos en moitos recitais teño lido poemas seus , poemas teus, pensando que tí non andas tan visto nas tribunas poéticas de galicia. E direi so ises poemas , ises tres ou catro poemas que sempre digo.

……..

Galicia inda precisa dos poetas que sempre lle foron fieis, incluso en tempos cándo todos calan , somos imparábeis, insilenciábeis da patria-lingua. Estamos eiquí contigo unha representación de todos como teño soñado moitas veces que puderades estar comigo todos no courel.